Santiago, 31 de xaneiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero salientou hoxe que o Consello de Contas verifica, nos informes de fiscalización da Conta Xeral da Administración galega correspondente a 2017, que “a Xunta xestionou dun xeito fiable, veraz e responsable, cumprindo coa lexislación vixente”.
Así mesmo, manifestou “a utilidade das recomendacións que emanan dos informes deste órgano como guía de mellora na xestión das contas públicas”, concretando que “cada ano se avanza máis na aplicación destas recomendacións e máis do 90 por cento xa son aceptadas polo Goberno galego”.
Cristina Romero afirmou que o Informe da Conta Xeral do ano 2017 do Consello de Contas “ratifica que a Xunta, un ano máis, cumpriu todos os obxectivos fiscais, ao tempo que segue a mellorar a súa xestión orzamentaria e as principais magnitudes financeiras”. En concreto, dixo que “non só cumpriu un ano máis co obxectivo de déficit público do 0,6 por cento, senón que conseguiuse reducir o déficit un 32 por cento, ata os 340 millóns de euros”.
Ademais, o informe confirma que se cumpriu a regra de gasto; o obxectivo de débeda do 18,4 por cento autorizado polo Estado; o límite de carga financeira, situando a Galicia entre as comunidades con menos débeda de España; se reduciu un 17 por cento o capítulo de xuros de débeda, cun aforro de 41 millóns de euros; se acadou un alto nivel de execución orzamentaria, que ascendeu ao 95 por cento; e se mantivo como a comunidade que mellor paga aos seus provedores”.
EVOLUCIÓN POSITIVA MAGNITUDES ECONÓMICAS
Respecto da situación financeira de Galicia, os informes do Consello de Contas “confirman a evolución positiva das principais magnitudes, como o incremento por segundo ano consecutivo do aforro bruto consolidado en 536 millóns de euros, un 19 por cento máis que o ano anterior; ou o importe positivo de 538 millóns de euros do remanente de Tesourería, un 24 por cento superior ao do exercicio anterior”, indicou a deputada popular.
Para rematar, Cristina Romero referiuse ao informe sobre a Conta Xeral do Sergas, salientando que en 2017 o orzamento sanitario ascendeu a 3.732 millóns de euros, cun incremento do 6 por cento; e que o número de profesionais que prestaron servizo nese ano foi de 38.044, un 1,1 por cento máis que o anterior. “Tamén salienta que o gasto derivado da actividade concertada foi de 202 millóns de euros, diminuíndo un 10,2 por cento, fronte ao incremento do 48 por cento que rexistrou entre os anos 2004 e 2008 co Goberno bipartito na Xunta”, subliñou.