A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que o Hospital de día onco-hematolóxico do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee “vai permitir que o 60 por cento das persoas con cancro da Costa da Morte eviten desprazarse ao Hospital de A Coruña para tratamentos e seguimentos”. Neste sentido, criticou que o BNG “pida a posta en marcha dun servizo xa construído, equipado, dotado de profesionais e funcionando completamente”.
Encarna Amigo lembrou que a Xunta investiu 88.500 euros nas obras e equipamento dun hospital de día que conta con catro postos totalmente operativos e supervisados polo Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital de A Coruña. “Estamos ante un servizo novo, funcional, rigoroso e seguro, que realiza control de toxicidade, seguimento clínico, consultas de soporte, atención de enfermería oncolóxica e tratamentos de baixa complexidade”, concretou.
“O Hospital de Cee é prioritario para a Xunta de Galicia e mostra disto son os 326.000 euros que figuran nos orzamentos para o vindeiro ano que se destinarán ao novo mamógrafo, que permitirá reforzar o diagnóstico precoz e mellorar a capacidade asistencial nesta área”, indicou a portavoz popular.