3 de novembro de 2022. O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro Iglesias asegurou hoxe no Parlamento galego que o orzamento da Deputación de Ourense para 2023 “será clave para recuperar capacidade e afrontar a necesaria reactivación económica e social nun período pospandemia”.
Durante a comparecencia do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no Parlamento de Galicia para informar dos orzamentos desta institución para o vindeiro ano, Ferro Iglesias salientou que esta entidade “volva ser a primeira administración pública en aprobar os seus presupostos, unhas contas ambiciosas e cun gran carácter social para seguir colaborando con concellos, e con todo o tecido socioeconómico ourensán, e executar proxectos para continuar na senda da dinamización do territorio”.
MANDATO ESTRAÑO E CONVULSO
Ademais, subliñou que os orzamentos da Deputación de Ourense “son os máis altos da súa historia, cun aumento de máis de cinco millóns de euros respecto aos do presente ano e mantendo así unha tendencia expansiva desde que esta entidade conseguiu a débeda cero”.
“Todo isto nun mandato que se pode cualificar como estraño, convulso ou inédito, cunha pandemia xamais imaxinada e unha recuperación ininterrompida pola suba do prezo da electricidade, das materias primas, dos combustibles, do euribor, da cesta da compra e cunha guerra que pode complicarse moito máis”, sinalou.