O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia “seguirá sendo un referente no patrimonio natural e destacando pola súa natureza, a súa biodiversidade e pola riqueza das súas paisaxes, e esa imaxe é un dos motivos polo que cada vez máis persoas nos visitan e polo que moitos queren vivir aquí”.
Gonzalo Trenor lembrou que “a nosa identidade, a nosa cultura e o noso patrimonio está entrelazado, de forma indisoluble, co noso medio ambiente, e por iso non é estraño que o medio ambiente estea na axenda de prioridades do Partido Popular de Galicia e do Goberno galego”.
ALTO NIVEL DE PROTECCIÓN
“A nosa máxima é conservar o patrimonio natural e tamén garantir a sustentabilidade tendo en conta as necesidades económicas, sociais, culturais e a nosa especial relación co medio ambiente, en liña, ademais, co que marcou no seu día Europa coa creación da Rede Natura”, indicou.
Neste sentido, salientou que “temos un nivel de protección da biodiversidade tan alto que case a metade de Galicia está protexida por algún dos instrumentos de conservación”. “Pero non nos conformamos, e a Xunta impulsará a candidatura dunha oitava reserva da biosfera, que terá o seu núcleo central no Parque Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e que suporá que Galicia acade 1,2 millóns de hectáreas protexidas”, concluíu.