A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou ho que o Plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025 potenciará a asistencia nas zonas rurais, con equipos especializados de enfermería para unha atención máis próxima e personalizada.
Encarna Amigo asegurou que o Goberno galego “busca continuar garantindo os principios de equidade, calidade e accesibilidade para facer fronte ás necesidades de todos os galegos”.
“A pesar de todas as incertezas producidas pola pandemia e o déficit manifesto de profesionais sanitarios da medicina e da enfermería, a cobertura de atención ao domicilio estase despregando en todo o territorio galego e seguirase despregando ao longo dos próximos anos”, afirmou a portavoz popular. Na actualidade, Galicia conta con 50 equipos de hospitalización a domicilio, que dan servizo a máis de 5.600 pacientes, unha cifra que se incrementou un 19 por cento respecto a 2018.
A portavoz popular manifestou que “estase a traballar en novas estratexias coa finalidade de que a cobertura sexa do 100 por cento, un obxectivo ao que non renunciamos sempre que existan profesionais suficientes para cubrir os equipos que estean autorizados e dotados orzamentariamente”.