O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Plan de Transporte Público de Galicia “é un referente entre o resto de comunidades autónomas como pioneiro na renovación do transporte público interurbano, polo volume de recursos públicos que se dedica a financialo e polo marcado carácter social co que se aborda a mobilidade”.
Gonzalo Trenor afirmou que o Plan de Transporte Público de Galicia “supón máis cobertura territorial e un servizo de máis calidade, mellora continua, máis recursos, tarifas únicas e bonificadas, melloras tecnolóxicas para a información dos usuarios e o seguimento do servizo, e novas ferramentas de planificación”.
“Nun territorio tan disperso como o noso, o esforzo loxístico e orzamentario da Xunta para garantir a mobilidade dos galegos é o maior do Estado das Autonomías, con máis de 100 millóns de euros de orzamento anual”, indicou.
EVOLUCIÓN
Ademais, salientou a evolución vivida nos últimos anos polo Plan de Transporte Público de Galicia, pasando de 900 a máis de 3.600 rutas; de 20.000 a máis de 56.000 paradas; e de 1,5 millóns a máis de 2,5 millóns de servizos, con máis de 20 millóns de horarios.
Gonzalo Trenor rematou pedindo unha fronte contra a decisión do goberno central que pretende illar a 22 municipios con mais de 130.000 veciños das rutas de bus estatais co novo mapa concesional do transporte de estrada de competencia do ministerio.