A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que “o Servizo Galego de Saúde foi quen de garantir este verán, unha vez máis, a atención sanitaria en todo o territorio galego, e iso a pesar da escaseza de profesionais que nos impide poder cubrir as vacantes e pese ao incremento da demanda, tanto nos servizos de atención primaria como na atención hospitalaria”.
Encarna Amigo demandou “valentía” aos grupos da oposición para “recoñecer que os centros de saúde galegos atenderon nos meses de xuño, xullo e agosto case 30.000 consultas máis que o pasado ano no mesmo período de tempo, ao tempo que se atenderon un 26,2 por cento máis de consultas polos equipos de enfermería a domicilio”.
“Non son capaces de valorar o esforzo realizado polos profesionais sanitarios dunha atención primaria que este verán contou cun plan de 12 millóns de euros e mobilizou a máis de 260 profesionais, a pesar de que Galicia tamén sofre a escaseza de facultativos, un problema común a nivel nacional”, sinalou.
A portavoz popular subliñou que “o Goberno galego fixo todo aquilo que esta dentro do seu ámbito competencial para impulsar a incorporación de profesionais sanitarios ao noso sistema”. Neste sentido, lembrou que “fomos pioneiros coa aprobación dunha lei de medidas extraordinarias para impulsar a cobertura de prazas de difícil cobertura, aprobada co voto en contra de BNG e PSdeG, que se traduciu na contratación de decenas de profesionais que non estarían dispoñibles co sistema anterior”.
“Os galegos saben que a Xunta non vai deixar de demandar solucións ante o Goberno central e de actuar no eido das súas competencias, con medidas que garantan unha atención continuada e de calidade a toda a poboación, aínda que supoña loitar contra un sistema con déficit de profesionais porque á esquerda lles interesa tensionar os sistemas de saúde das comunidades autónomas”, rematou.