Santiago, 4 de febreiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo salientou hoxe no Parlamento que “o 98,8 por cento das accións a curto prazo comprometidas polo Servizo Galego de Saúde dentro do Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 xa están finalizadas ou en marcha”.
“As críticas que fai a oposición á sanidade pública non son máis que unha escusa para tratar de desprestixiar a un goberno que traballa e avanza no benestar das persoas que viven en Galicia”, sinalou.
Encarna Amigo incidiu que “os servizos públicos son unha clara prioridade, e mostra disto é a sanidade galega, á que a Xunta dedica na actualidade máis do 41 por cento do seu orzamento”. Neste sentido, salientou que o Sergas conta con máis de 38.000 traballadores, o que supón 1.544 profesionais máis que hai dez anos.
ANALIZAR E DETECTAR CAMBIOS
“O Sergas foi quen de analizar e detectar que eran precisos cambios na atención primaria sanitaria que se presta en Galicia e, conxuntamente con expertos, chegou a acordos con sociedades científicas, colexios médicos e sindicatos para asinar, finalmente, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021”, sinalou.
Así mesmo, a deputada popular dixo que a Lei de saúde, “á que os grupos da oposición votaron en contra, representa unha blindaxe para os hospitais comarcais, ao crear os distritos sanitarios permitindo gañar en equidade e proporcionando servizos complexos nestes centros, evitando desprazamentos aos pacientes e achegando a atención aos seus lugares de residencia”.
Respecto das listas de espera, Encarna Amigo indicou que a oposición critica “os datos que publica o Goberno galego, pero supoño que se fiarán dos que ofrece o Ministerio de Sanidade, onde no seu último informe Galicia figura como a cuarta comunidade autónoma con mellores datos”.