9 de maio de 2023. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que, “fronte á visión catastrofista do transporte público de Galicia de BNG e PSdeG, a valoración dos usuarios é dun 8,4 sobre 10, segundo o expresaron nas máis de 1.000 enquisas que se realizaron ao longo do último ano”.
En concreto, Balseiro dixo que os usuarios do transporte público por estrada xestionado pola Xunta valoraron cun 7 sobre 10 a puntualidade do servizo; un 9,7 sobre 10 o aspecto do vehículo; un 9,5 sobre 10 o confort e a limpeza; e un 9,4 sobre 10 a seguridade do viaxeiro. “Porén, desde o BNG e o PSdeG buscan permanentemente desprestixiar un servizo público que os feitos e a propia opinión dos usuarios avalan coa súa boa valoración e apoio”, indicou.
O Plan de Transporte da Xunta, ao que a Xunta destina este ano 90 millóns de euros, xestiona 3.500 liñas interurbanas, que dan servizo a preto de 55.000 paradas e que realiza máis de 2,8 millóns de viaxes mensuais. Diante destas cifras, Balseiro recoñeceu que “se producen incidencias e situacións que é preciso corrixir, pero nin son xeneralizadas nin cuestionan o bo funcionamento xeral deste servizo autonómico”.
“A Xunta fai un chequeo continuo da prestación deste servizo, en permanente diálogo coas outras administracións e os usuarios, e amósase disposta a valorar os cambios e a aplicar aqueles que resultan posibles para mellorar o servizo”, afirmou.
Para rematar, Balseiro subliñou que “o incremento no número de usuarios avalan que este plan funciona, e iso a pesar de que a alternativa, nalgúns casos, é un tren gratuíto”.