Santiago, 19 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Ana Belén García salientou hoxe no Parlamento que Portos de Galicia “está a traballar desde o primeiro momento na busca dunha solución para evitar as elevadas correntes que se xeran ocasionalmente na comporta interior do porto de Malpica.
“Trátase dun asunto complexo, pero do que xa se licitou o contrato para o deseño e avaliación de alternativas básicas; a definición da solución e a nova instrumentación da dársena; e a elaboración do deseño construtivo”, apuntou.
“Todo isto é o resultado de meses de traballo no estudo das correntes e ondadas do peirao de Malpica, uns aspectos que no pasado non eran considerados nos estudos marítimos e nos que se vai seguir afondando”, afirmou a deputada popular.
Ana Belén García lembrou que, como medida de prevención, Portos de Galicia tamén puxo en marcha un sistema experimental provisional sobre a previsión de correntes na comporta de Malpica cunha antelación de 72 horas, un sistema que pretende alertar e orientar aos usuarios sobre as condicións de acceso á dársena interior ante a propagación das ondas longas.
“Este sistema experimental supón unha alternativa provisional e en parello ao traballo técnico que Portos de Galicia segue a realizar para definir unha solución definitiva ao problema de axitación na dársena de Malpica”, engadiu, quen sinalou que se atopa en licitación a redacción do proxecto cun importe asignado de case 100.000 euros.