Santiago, 19 de marzo de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta que realice os trámites necesarios para a declaración e inclusión do Colexio de Nosa Señora da Antigua na relación de bens de interese cultural de Galicia
A deputada Julia Rodríguez Barreira asegura na proposta que “este importante monumento e as xoias que atesoura non poden estar á marxe desta relación e da especial protección que a súa declaración como BIC lle proporcionaría”.
MONUMENTO EMBLEMÁTICO
“Nos atopamos ante un monumento emblemático que forma parte do patrimonio non só de todos os monfortinos, senón de todos os galegos, digno da máis alta protección e que é necesario preservar e protexer como proba visible da nosa historia pasada, pero tamén como elemento destacado do noso presente e potencial futuro”, engade.
A construción do Colexio de Nosa Señora da Antigua de Monforte iniciouse en maio de 1593, ideada e trazada polo cardeal Rodrigo de Castro, quen a doou á Compañía de Xesús. Trátase dun dos mais nobres e logrados edificios de Galicia, de extraordinario valor arquitectónico, con elementos destacables como a escaleira principal, e que no seu interior atesoura magníficas obras, como o retablo da Capela Maior da igrexa, obra do escultor Francisco Moure; o Cristo, de Valerio Cioli; ou a estatua orante do Cardeal, de Juan de Bolonia.
Ademais, destaca a súa pinacoteca, con táboas orixinais de Andrea del Sarto; dúas obras de El Greco, San Francisco e San Lorenzo; e o “Libro das aves de caza” de Pedro López de Ayala, entre outros valiosos obxectos que se conservan de entre todos os que o cardeal Rodrigo de Castro tiña dotado á súa fundación de Monforte.