Santiago, 25 de setembro de 2020.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, demandou hoxe á valedora do Pobo a elaboración dun informe extraordinario sobre a okupación ilegal en Galicia, que axude a poñer en marcha medidas para erradicar esta situación en Galicia.
“O obxectivo é atender ás persoas en risco de exclusión social e erradicar de Galicia as mafias de okupación que se están a aproveitar das persoas máis vulnerables”, sinalou.
Na Comisión de Peticións celebrada esta mañá para presentar o informe anual do Valedor do Pobo correspondente a 2019, Paula Prado afirmou que “unha das cuestións que preocupan ao Grupo Popular é que cada vez son máis o número de cidadáns que son vítimas dun delito de usurpación de vivendas”. En concreto, referiuse aos que sofren as persoas que se ven privadas ilegalmente do goce da súa propiedade privada e tamén ás persoas que residen nos inmobles onde se producen ocupacións ilegais de vivendas e mesmo en rúas e barrios enteiros que se converten en focos de delincuencia producindo un forte quebranto da convivencia veciñal, creando evidentes prexuízos e limitando e vulnerando o pleno exercicio dos seus lexítimos dereitos algo que non se pode permitir nun Estado de Dereito.
“Os datos son alarmantes”, sinalou a viceportavoz popular, quen lamentou que Galicia sexa a comunidade autónoma que sofre o maior incremento de ocupacións ilegais en toda España segundo os datos do Ministerio do Interior. Neste sentido, explicou que “estas okupacións non son froito dunha necesidade social, senón que están sendo realizadas fundamentalmente por mafias ou bandas organizadas que converten a okupación nun negocio, xa que esixen diñeiro a cambio de desaloxar a vivenda ocupada ilegalmente, ou mesmo utilizan a persoas vulnerables para introducilas na vivenda previamente ocupada a cambio dunha cantidade de cartos considerable”.
MAPA DE RECURSOS SOCIAIS
Deste xeito, Prado trasladou á Valedora do Pobo a encomenda de realizar un informe extraordinario sobre a okupación ilegal en Galicia que faga un diagnóstico do mapa de recursos sociais destinados a atender as necesidades de vivenda de que dispón tanto a Xunta como os concellos nos que se producen maioritariamente as ocupacións ilegais.
Así mesmo, o informe debería realizar unha análise sobre a realidade da okupación ilegal en Galicia e sobre as consecuencias dramáticas que ocasiona, tanto para os titulares lexítimos da vivenda que sofren un calvario para recuperar a súa propiedade, como para os veciños que residen nos barrios e nos edificios afectados e que ven gravemente quebrantada a convivencia. “Tamén abordaría a afección das okupacións ás persoas en risco de exclusión social e máis vulnerables, para determinar cales son as canles das que dispoñen nos servizos sociais municipais para acceder ao parque de vivendas en aluguer do concello ou da Xunta a través do Instituto Galego de vivenda e Solo”, engadiu.
?️O @ppdegalicia pide a @Valedordopobo un informe extraordinario sobre a ocupación en Galicia que:
?faga un diagnóstico do mapa de recursos sociais destiñados a vivenda,
?unha análise sobre a ocupación ilegal en Galicia
?analizar a normativa actual@paulapra2 pic.twitter.com/dPNY89uJb4— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 25, 2020
CALVARIO DOS PROPIETARIOS
“Por último, partindo da casuística e do calvario que teñen que sufrir os propietarios vítimas da usurpación e da okupación ilegal para recuperar a súa propiedade, o informe permitirá desgranar a normativa vixente actual e analizar a súa suficiencia ou insuficiencia para abordar o problema, así como se hai marxe de mellora na aplicación das normas vixentes”, dixo Paula Prado.
A viceportavoz popular aproveitou a súa intervención na Comisión de Peticións para felicitar á Valedora do Pobo “polo seu traballo na loita pola igualdade de oportunidades”, así como o recoñecemento como a defensoría máis transparente de España, “servindo de modelo para todas as institucións ás que fiscaliza”.
Respecto do informe correspondente a 2019, Paula Prado lembrou que as áreas que xeraron máis queixas foron a de obras públicas e expropiacións (cun 37,82 por cento), a de emprego público e traballo (cun 17,76 por cento), a de inclusión social (cun 7,34 por cento) e a sanidade. Neste sentido, salientou o descenso considerable respecto de 2018 das reclamacións no ámbito sanitario, ao pasar do 40,55 por cento ao 6,54 por cento do pasado ano.
?@paulapra2 destacou durante a comparecencia da @Valedordopobo a boa saúde da nosa Sanidade, baixando 34 puntos as queixas, e se cumpre a lei nas listas de espera tendo en conta a prioridade das enfermidades máis graves @ppdegalicia pic.twitter.com/sOYZ7tJDZ3
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 25, 2020