Santiago, 14 de agosto 2018. O Grupo Popular vén de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a que o Goberno central exclúa a Galicia do Anexo da Orde pola que se establecen suplementos territoriais nalgunhas Comunidades Autónomas en relación coas peaxes de acceso de enerxía eléctrica correspondentes ao exercicio 2013. A Xunta xa recorrera a Orde estatal pola que se fixan os tributos e recargas considerados a efectos dos suplementos territoriais polo que a iniciativa popular solicita a suspensión cautelar da orde que se está a tramitar mentres non se resolva o devandito recurso.
Nel, o Goberno autonómico indica que as diferentes taxas de contido ambiental que aplica non gravan as actividades ou instalacións destinadas a subministración eléctrica e, polo tanto, non se poden incluír nos suplementos territoriais para que sexan aboados polos consumidores galegos.
CENTRAIS TÉRMICAS
O Grupo Popular tamén presentou unha iniciativa na que solicita que se constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado polo Goberno español no que se integren ás Comunidades autónomas para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas máis eficientes, entre elas as de Meirama e As Pontes.
Así mesmo, pide que se instauren canto antes os mecanismos de capacidade suprimidos, pagos por dispoñibilidade, de acordo cos criterios establecidos pola UE para as centrais térmicas de carbón máis viables económica e ambientalmente.
E, por último, na iniciativa tamén solicita que se faga efectivo o mecanismo de apoio, por un importe de 20 millóns de euros, para a redución das emisións ambientais nas centrais térmicas de carbón.