Santiago, 9 de outubro de 2020.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central a cesión da xestión do Pazo de Meirás á Xunta de Galicia, co obxectivo de desenvolver usos culturais que expliquen a historia do inmoble, reivindiquen o entendemento e a concordia, e afonden no papel das escritoras na historia da literatura, particularmente de Emilia Pardo Bazán.
?️O @ppdegalicia ven de rexistrar unha Proposición non de lei na que demanda do Estado a cesión da xestión do Pazo de Meirás, así o anunciou hoxe no @Par_Gal @pazos_alberto para que Meirás sexa reintegrado ao patrimonio público e disfrute de todo o pobo galego@RomanLalin ? pic.twitter.com/nIAUaNcjBk
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 9, 2020
O deputado popular Alberto Pazos sinalou que esta cesión á Xunta de Galicia “sería o cumprimento do desexo expresado por este Parlamento en varias iniciativas aprobadas para que o Pazo de Meirás sexa reintegrado ao patrimonio público para o goce de todo o pobo galego”. “Namentres non chega esta cesión, a Xunta continuará velando para que cumpran as súas obrigas no marco da legalidade”, manifestou.
ACONTECEMENTO HISTÓRICO
Pazos indicou que a sentenza sobre o Pazo de Meirás “supón un acontecemento histórico, que merece que nos ilusionemos e que traballemos sobre os posibles usos do pazo, pero cunha prudente ilusión porque a sentenza non é firme e pode ser recorrida pola familia Franco”. Porén, apuntou que esta situación “non significa que non se avance na valoración de distintas posibilidades de cara a definir o futuro do Pazo de Meirás”.
“A prudencia aconsella que sería máis razoable instar ao Goberno de España a estudar a viabilidade da execución provisional da sentenza, ao tempo que cómpre coñecer a súa intención sobre o destino provisional e definitivo que podería ter o pazo, porque a sentenza establece a súa restitución ao Patrimonio Nacional”, dixo o deputado popular.
Así mesmo, Pazos incidiu no agradecemento “ao traballo conxunto de institucións, asociacións e particulares, así como a todos os colectivos de memoria histórica e historiadores, que colaboraron para conseguir que finalmente o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público”.