O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que demanda ao Goberno de España que exima do pago do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) a quen perciba o salario mínimo interprofesional. Neste sentido, o portavoz Alberto Pazos pediu que a suba do salario mínimo “non se converta nun negocio redondo para o Goberno de Pedro Sánchez que, primeiro, ponlle o carameliño doce na boca dos traballadores con menor remuneración para despois darlle o bocado amargo de que unha parte desa subida salarial vaia directamente ás arcas da Administración estatal”.
Alberto Pazos cualificou de “paragóxico que o Goberno central aprobara unha suba de 700 euros anuais do salario mínimo interprofesional sen ter en conta que con este incremento dos ingresos os seus perceptores estarán obrigados a presentar a corresponde declaración do imposto sobre a renda”. Así, explicou que o traballador deberá pagar o incremento correspondente ás cotizacións sociais (45 euros) e facer fronte ao imposto sobre a renda das persoas físicas (outros 301 euros), “o que supón que, aos 700 euros que verá incrementado o seu salario, deberá restarlle os 346 euros que deberá ingresar nas arcas da Administración estatal, que en total ingresará a non desdeñable cantidade de 1.400 millóns de euros”.
Diante desta situación, o Grupo Popular solicita que o Goberno de España exima do pago do imposto sobre a renda das persoas físicas a quen perciba o salario mínimo interprofesional, “de xeito que todos os traballadores beneficiados por esta suba ingresen integramente nos seus petos a totalidade do aprobado polo Goberno de España e non se converta esta decisión nun negocio redondo para a Administración estatal”, manifestou.
PARA SENTIRSE MOI ORGULLOSOS
Nunha comparecencia ante os medios centradas en políticas sociais, Alberto Pazos referiuse á recente enquisa de condicións de vida publicada polo Instituto Nacional de Estatística para salientar que “son uns datos, tendo sempre moi presente que todo o que se faga para combater a pobreza e mellorar o nivel de vida dos galegos será pouco, para sentirse moi orgullosos do traballo que veñen facendo os Gobernos do Partido Popular, en especial unha Consellería de Política Social disposta en todo momento a axudar a quen máis o necesita e conseguir que cada día sexan menos os galegos que chegan con dificultade a fin de mes, situando a Galicia como a comunidade con menores índices de desigualdade e un referente no eido da inclusión social”.
Segundo se recolle neste informe, Galicia foi a comunidade autónoma española na que máis baixou a taxa de risco de pobreza e exclusión social (o coñecido como taxa AROPE) ao pasar dun 25,5 por cento en 2023 ao 18,8 por cento en 2024, 6,,7 puntos de descenso nun só ano, fronte a unha baixada de só 0,7 puntos a nivel de toda España. Os datos desta enquisa tamén poñen de manifesto que Galicia avanza no descenso progresivo da poboación galega con carencia material e social severa, xa que rebaixou case á metade a taxa do 8,2 por cento que tiña en 2023, quedando o pasado ano no 4,8 por cento, unha cifra que tamén é practicamente a metade da que
se rexistra a nivel estatal.
“Outro dato que merece terse en conta desta enquisa do INE é a relativa á renda media por fogar, onde Galicia rexistrou o pasado ano un incremento do 11,5 por cento, ata situarse en 34.892 euros por fogar e achegarse aos case 37.000 euros da media nacional”, apuntou Alberto Pazos.
No apartado de persoas que non poden permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada, Galicia pasou de estar cinco puntos por enriba da media estatal en 2009 a situarse o pasado ano por baixo da media estatal: 16,6 por cento en Galicia fronte ao 17,6 por cento de media nacional. No caso dos fogares que recoñecen chegar con moita dificultade a fin de mes, Galicia, logo dun descenso de tres puntos entre 2023 e 2024, pasou de estar por enriba da media estatal a situarse máis de dous puntos por baixo (8,7 en España e 6,6 por cento na Comunidade galega).
BASTA XA DE FEMINISMO SECTARIO
Por último, o portavoz popular lamentou que “seguimos á espera de que tanto a lideresa do BNG, a señora Pontón, como todas as feministas nacionalistas que con tanto orgullo ondean a bandeira en favor da igualdade amosen o seu rotundo rexeitamento e repulsa a noxenta e machista campaña impulsada pola CIG contra a conselleira de Política Social”.
Pazos criticou que esta campaña “non fai máis que atentar contra a dignidade dunha muller traballadora, que, como todos e todas, terá os seus acertos e os seus erros, pero á que non lle podemos negar ninguén un respecto absoluto, fuxindo de estereotipos repugnantes como o que utiliza a CIG neste panfleto, que é o máximo expoñente do machismo que domina ao BNG e a todas as súas organizacións satélites”.
“Basta xa deste feminismo sectario que agocha o nacionalismo galego, que tanto se queixa de supostos ataques machistas, cando en realidade se lle está confrontando con argumentos e feitos contrastados a súa demagoxia política, pero que non é quen de condenar un ataque persoal como o sufrido esta semana pola conselleira de Política Social ou por calquera muller que non comulgue coa súa doutrina política”, rematou.