11 de novembro de 2022. A deputada do Grupo Popular Raquel Arias demandou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central incremente o financiamento vinculado aos fondos Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para ampliar o proxecto de aldeas intelixentes posto en marcha pola Consellería do Medio Rural.
Raquel Arias explicou que Galicia conta na actualidade con 21 aldeas modelo aprobadas e traballa na aprobación doutras sete”. “Buscamos construír unha rede de espazos sostibles, verdes, conectados dixitalmente, intelixentes, inclusivos, biodiversos, con altos estándares de calidade de vida, baseados na economía circular e descarbonizados”, dixo.
“Un dos obxectivos estratéxicos da creación desta rede de aldeas é demostrar que unha transformación cara un territorio resiliente, sostible, verde, innovador, inclusivo e na vangarda tecnolóxica é posible no medio rural”, apuntou.
A deputada popular indicou que este proxecto conta cun orzamento de máis de 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta de Galicia, “que esperamos ampliar con outras fondes de financiamento vencelladas aos fondos Next Generation UE ou o programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros”.
Arias concretou que o obxectivo “é crear a primeira rede de aldeas modelo na que se potencien os grandes valores das áreas rurais, potenciando a nosa orixe e proporcionando aos axentes locais as ferramentas necesarias para aproveitar o seu potencial e así contribuír a grandes retos, como a garantía de digna continuidade do sector primario, a demografía ou o cambio climático”.