21 de febreiro de 2023. A deputada do Grupo Popular Begoña Freire demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno de España transfira todos os fondos que, en materia de vivenda, pertencen lexitimamente á Comunidade galega, “porque son dos galegos e das galegas; porque o Goberno de Pedro Sánchez non os sabe xestionar e non podemos perder esa oportunidade de dispoñer de todos os recursos de Europa; e porque queremos asegurarnos de que non se fan adxudicacións directas a outras comunidades autónomas ou cidades por parte do Ministerio, retraendo fondos que corresponderían a Galicia”.
Begoña Freire lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “perdeu máis de medio ano na posta en marcha do novo Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 porque foi incapaz de sacalo para que se executase desde o mes de xaneiro”. “Unha irresponsabilidade porque saben que moitos dos programas de carácter social dependen deste Plan de vivendas estatal”, apuntou.
“O que si fixeron foi modificar o peor o anterior Plan estatal, reducindo o esforzo e a aportación do Goberno central de forma substancial ao obrigar ás comunidades autónomas a cofinanciar o 30 por cento”, lembrou.
IMPROVISACIÓN
Ademais, a deputada popular criticou a “total improvisación” coa que o Goberno central actuou coas axudas europeas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, xa que “cada poucos días remitía ás comunidades autónomas novas instrucións sobre a aplicación dos fondos, obrigando a modificar as bases das convocatorias co correspondente retraso”.
Pese a estas circunstancias, Freire salientou que a Xunta “foi quen de executar cerca do 90 por cento destes fondos, situándose entre as comunidades con mellor cumprimento de obxectivos”. En concreto, catro dos programas do plan rexistraron unha execución entre o 94 e o 100 por cento e un deles chegou ao 86 por cento, quedando un só programa por baixo desas porcentaxes a consecuencia de que o número de solicitudes non acadou o agardado.