Santiago, 15 de maio de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que solicita ao Goberno central que promova as accións legais que sexan oportunas para que o Goberno de Venezuela cumpra o convenio bilateral de Seguridade Social entre España e Venezuela, de xeito que garanta o pago do importe íntegro das cantidades adebedadas e a continuidade das prestacións dos pensionistas retornados. Así mesmo, mentres non se resolvan estes problemas, demándase ao Goberno español que facilite que estes pensionistas poidan recibir axudas sociais.
O portavoz popular, Pedro Puy, informou que deputados do Grupo Popular reuníronse esta mañá con representantes da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Venezuela en Galicia e da Federación de Venezolanos en Galicia.
DIFÍCIL SITUACIÓN
“Neste encontro, constamos a difícil situación dos pensionistas retornados de Venezuela que desde hai varios meses deixaron de percibir as súas pensións públicas ás que teñen dereito, vulnerando o convenio bilateral de Seguridade Social entre España e Venezuela do ano 1988”, explicou Puy.
En concreto, o portavoz popular fixou “como mínimo en 4.000 pensionistas, acompañados das súas familias, que están nunha situación preocupante e desesperada como consecuencia de non percibir a súa pensión, chegando nalgúns casos a ser desafiuzados das súas casas e a ter serios problemas para subsistir”.
Diante desta situación, o Grupo Popular rexistrou no Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que “intente chegar a un acordo coas autoridade venezolanas para resolver esta cuestión e que, mentres non se solucione, corrixa algunhas medidas que impiden que estas persoas accedan a axudas sociais en Galicia”.
Pedro Puy explicou que o obxectivo é que “a non percepción dunha pensión non impida que estas persoas perciban outro tipo de axuda social, que mesmo podería ser reembolsable unha vez se resolva o problema e perciban as súas pensións e os atrasos”.
TRASPASO AP-9
Cuestionado sobre a transferencia da AP-9 á Comunidade galega, Puy lembrou que a proposición de lei foi remitida ao Congreso co apoio unánime do Parlamento galego. Neste sentido, explicou que a situación “é moito mellor da que era no pasado porque agora hai unha petición da totalidade da Cámara, cousa que non había noutros momentos nos que outros tiñan a maioría o foi o PPdeG o que formulou esta transferencia”.