Os deputados do Grupo Popular Víctor Baladrón, Noelia Pérez e Juan Casares visitaron as dúas casas-niño do concello de Vilardevós, “proxectos fundamentais para fixar poboación, apoiar ás familias e asegurar que as novas xeracións poidan medrar con oportunidades no seu propio entorno”, destacaron.
Durante o percorrido, o deputados populares destacaron o valor deste modelo pioneiro en España, pensado para dar resposta á conciliación da vida familiar e laboral no rural e que a Xunta xa garantiu a súa continuidade, cando menos, ata o ano 2028. As casas-niño, como a de Lala e Garabatos en Vilardevós, representan unha aposta firme por garantir servizos educativos e sociais de proximidade nos pequenos concellos.
Na actualidade, Galicia conta con máis de 100 casas-niño en funcionamento, das que máis da metade se localizan na provincia de Ourense, o que amosa un forte compromiso co desenvolvemento do interior. Ademais, recentemente, o Consello da Xunta aprobou a posta en marcha de 20 novas casas-niño, o que reafirma a vontade do Goberno galego de seguir ampliando esta rede tan necesaria para apoiar ás familias do rural.