Santiago, 18 de setembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Maribel Novo subliñou hoxe no Parlamento “o claro compromiso do Goberno galego coa cidade de Pontevedra, cunha aposta e avances en múltiples proxectos que se están a executar gracias ao entendemento entre a Xunta e o Concello”.
No debate dunha proposición no de lei do Grupo Socialista sobre actuacións na cidade de Pontevedra, Maribel Novo explicou que “entendemos que o PSOE queira buscar protagonismo nesta cidade, pero a aposta da Xunta é tan evidente que non fai falta ser da cidade para percibila”.
Así, a deputada popular lembrou a reunión celebrada hai unhas semanas entre o Presidente da Xunta e o alcalde de Pontevedra na que este trasladou todas as necesidades que hai actualmente na cidade. “Por suposto que se trataron todas as demandas que agora pide o Grupo Socialista, como o Gran Montecelo, o saneamento da ría, o dragado do Lérez, a variante de Alba, a intermodal ou a residencia da terceira idade”, sinalou.
“Estamos a falar de actuacións na cidade de Pontevedra que ben están en marcha, outras sacaranse a licitación proximamente e noutras xa existe acordo entre Xunta e Concello para poder realizalas”, afirmou.