Santiago, 14 de xullo de 2017.- A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Sandra Vázquez, subliñou hoxe que “os menores de 30 anos son un colectivo prioritario para o Goberno galego” e lembrou o obxectivo de crear 20.000 novos postos de traballo para a mocidade coa execución da Axenda 20.
Sandra Vázquez manifestou que “o Goberno galego está preocupado pola mocidade galega, e máis en concreto pola súa situación laboral, e por isto está a potenciar os programas que reforzan a empregabilidade dos mozos e mozas e a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que os axuden a completar o seu desenvolvemento persoal e profesional”.
MENOS TAXA DE PARO E MÁIS CONTRATOS INDEFINIDOS
En concreto, indicou que “a taxa de emprego de menores de 30 anos é maior que o inicio da pasada lexislatura; a contratación indefinida medrou en torno a un 10 por cento; Galicia está mellor que a media de España; e este goberno actúa e toma medidas concretas para dar oportunidades os máis novos”.
Entre estas medidas, a portavoz popular referiuse aos 150 millóns de euros que o goberno galego ten dedicado a políticas activas de emprego na pasada lexislatura, aos que se suman os 40 millóns de euros aprobados o pasado mes de marzo para formación, contratación e emprendemeto. Ademais, o Consello da Xunta aprobou o pasado mes de xuño un novo programa de emprego xuvenil dotado con 9 millóns de euros, ao tempo que a Xunta de Galicia puxo ferramentas para favorecer o emprendemento e promover o talento xuvenil, como son as aceleradoras ou os programas Principia e Oportunius.
“A Xunta de Galicia está coa mocidade galega e estas medidas son froito do traballo, do esforzo e da súa aposta pola mocidade”, sinalou Sandra Vázquez, quen rematou a súa intervención dirixíndose á oposición para manifestarlles que un emprendedor ve oportunidades alá onde outros só ven problemas.