Santiago, 23 de xaneiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira salientou que “en Galicia levamos máis de dous anos cunha recuperación de retribucións dos empregados públicos, na maioría dos casos por enriba do resto de comunidades autónomas”.
Jacobo Moreira afirmou que “cumprimos en todo momento os criterios para facer uso da nosa autonomía e ser a primeira comunidade que iniciou e completou a devolución da paga extra aprazada polo Goberno central no ano 2012”.
MEDIDAS XA ADOPTADAS
“Adiantamos un ano sobre o previsto a reanudación do pago das extras completas aos empregados públicos galegos, que xa a están cobrando desde primeiro de xaneiro deste ano 2017”, lembrou. Así mesmo, subliñou que “o pasado mes de xullo aprobamos con celeridade o incremento con carácter retroactivo do 1 por cento de incremento salarial das nóminas dos empregados públicos galegos, e queremos seguir por este camiño mellorando as retribucións económicas do empregados públicos galegos”.
Deste xeito, o deputado popular criticou que a oposición “votara en contra dos orzamentos da Comunidade galega que reservan, efectivamente, 84 millóns de euros para subirlle o salario aos empregados públicos tan pronto como teñamos habilitación legal estatal para facelo, mostra de que o Goberno galego fai todo o que ten na súa man para mellorar os salarios dos empregados públicos”.
Moreira tamén se referiu ao plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos asinado o pasado mes de outubro pola Xunta cos sindicatos, co compromiso de ofertar o máximo de postos permitidos pola taxa de reposición.
“O obxectivo é reducir a temporalidade en cada un dos sectores para reforzar a estabilidade dos cadros de persoal, mantendo as taxas de temporalidade na contorna do 7 por cento e sempre dentro dos límites e regras do gasto establecidos”, apuntou.