Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, tendeulle este mércores a man á oposición para que no Parlamento galego se consiga un amplo consenso en favor do impulso ao I+D+i na Comunidade, co afán de continuar co proceso de modernización da economía galega levado a cabo durante os últimos anos. “Coincidimos en que a investigación é estratéxica, por iso máis alá da discrepancia deberiamos mandar unha mensaxe de unidade ao sector”, apuntou.
Tellado defendeu en Comisión unha iniciativa na que o Parlamento insta á Xunta de Galicia a impulsar as medidas necesarias para incrementar a captación de fondos comunitarios en favor da I+D+i por parte das entidades galegas, con especial atención ás pequenas e medianas empresas, no marco dos programas de financiamento europeos existentes para estas actividades, especialmente o programa Horizonte 2020.
O viceportavoz popular indicou que este programa é “especialmente importante para rexións como Galicia”, ao demostrarse que participar en programas europeos de financiamento da I+D+i ten un impacto directo na competitividade e na facturación, na consolidación e o crecemento do emprego, así como no posicionamento internacional das organizacións que neles participan.
Ademais, valorou que os fondos europeos desta natureza “poñen á nosa disposición recursos que por outras vías serían complicados de acceder, e que son de importancia capital para os nosos axentes económicos”. Neste mesmo sentido, explicou que son as pequenas e medianas empresas as que máis apoio do sector público necesitan, e valorou positivamente que o Goberno galego lles ofreza asesoramento e información para chegar a estas axudas.
Sobre a postura dos demais grupos acerca desta cuestión, Tellado agradeceu o ton e a predisposición a chegar a acordos na materia de PSdeG e BNG, mais reprochoulle a En Marea que “non sexan capaces de apoiar nin unha soa medida” que beneficie á nosa economía. “Vostedes seguen a teoría de que canto peor lle vaia a Galicia, mellor para En Marea. Nós, en cambio, cremos que canto mellor lle vaia a Galicia, mellor nos vai a todos”, subliñou.