11 de novembro de 2022. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, insistiu hoxe no Parlamento galego que “o Goberno de Pedro Sánchez transfira a Galicia o 30 por cento comprometido para as axudas ao transporte público por estrada, xa que ata o momento é a Xunta a que está asumindo a rebaixa do 50 por cento que gozan os usuarios”.
Neste sentido, criticou que os socialistas galegos “pidan agora a extensión destas subvencións ao vindeiro ano 2023, cando o Goberno central aínda non pagou o que debe deste ano e non comprometeu financiamento estatal para a extensión destas bonificacións”.
Balseiro lembrou que as axudas do 50 por cento para as viaxes no transporte público por estrada “xa están en vigor desde o pasado 1 de setembro, a pesar de que o Goberno de Pedro Sánchez aínda non transferiu nin un só euro á Xunta para pagar esta bonificación”.
Neste sentido, recordou que o Goberno central aprobou o pasado 25 de xuño un Real Decreto no que recollía a súa vontade de financiar a redución dos abonos e títulos multiviaxes no transporte público por estrada. En concreto, prometían axudas directas para reducir nun 30 por cento o prezo do transporte público colectivo de competencia autonómica ou local.
BONIFICACIÓNS MÁIS ALÁ DO TRANSPORTE POR ESTRADA
“A realidade en Galicia é que a Xunta aplicou un desconto, non do 30 por cento, senón do 50 por cento nos autobuses de competencia autonómica, bonificación que tamén estendeu a outros medios de transporte que non son da súa titularidade como o transporte marítimo da ría de Vigo ou o tren FEVE na comarca de Ferrol, ademais dos autobuses urbanos de Ferrol e de Pontevedra, cidades nas que a Xunta vén prestando ese servizo”, explicou.
Porén, José Manuel Balseiro lamentou que “ata este momento a Xunta está a asumir integramente o pago do importe destas bonificacións, porque o Goberno central aínda non transferiu os fondos prometidos”. “O único que recibiu, o pasado 2 de novembro, foi unha resolución provisional das axudas por parte do Goberno de España, na que non se especifica a data prevista nin para a resolución definitiva, nin para o pago efectivo das axudas”, apuntou.