Santiago, 14 de noviembre de 2019. – Elena Muñoz Fonteriz e Jesús Vázquez Abad son as persoas que o Grupo Popular volveu rexistrar hoxe como candidatos a senadores en representación da Comunidade galega, logo de que xa resultaran elixidos polo Parlamento galego o pasado 25 de xuño. A súa nova designación terá lugar no Pleno específico que se celebrará o vindeiro martes, 25 de xuño.
ELENA MUÑOZ FONTERIZ
Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Vigo, na especialidade de Economía Pública, Elena Muñoz pertence desde 1999 á Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia. Foi xefa do Servizo de Fiscalización e Contabilidade na Intervención Xeral da Comunidade galega entre os anos 2001 e 2004, ano no que pasou a ocupar o mesmo cargo no Servizo de Control Financeiro de Operacións Correntes. Posteriormente, foi subdirectora xeral de Control Financeiro Común ata o ano 2009, momento no que foi nomeada interventora xeral da Comunidade galega.
En xaneiro de 2012 foi nomeada conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, cargo que desempeñou ata 2015 para presentarse como candidata do Partido Popular á Alcaldía do Concello de Vigo. Elena Muñoz exerceu como portavoz do Grupo Municipal do PP de Vigo durante o mandato de 2015 a 2019.
JESÚS VÁZQUEZ ABAD
Pola súa banda, Jesús Vázquez Abad é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago, e doutor cum laude en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Vigo. Dentro da docencia, foi profesor asociado da Universidade de Vigo, profesor titor da UNED en Ourense e, na actualidade, é profesor titular do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo. Tamén desempeñou o cargo de decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense en 2006.
Vázquez Abad foi elixido en 2008 deputado do PP no Congreso e ese mesmo ano tamén foi designado presidente da Comisión Nacional de Universidades do Partido Popular. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria entre os anos 2009 e 2012 e conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de 2012 a 2015, nese mesmo ano se presentou como candidato do PP á Alcaldía de Ourense, sendo alcalde desta cidade ata xuño de 2019. Actualmente, é concelleiro do PP no Concello de Ourense.