Santiago, 15 de xuño de 2022.- A deputada popular Teresa Egerique volveu reclamar hoxe no Pleno do Parlamento galego a transferencia da competencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre á Comunidade galega, con que “conseguiríamos reducir problemas administrativos de duplicidade e poderíamos realizar unha xestión de proximidade do territorio galego, do que a Xunta ten un coñecemento máis detallado do que ten a Administración central”.
Teresa Egerique lembrou que a transferencia da competencia da xestión da costa é “unha reivindicación que se sitúa dentro do marco que establecen a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía”. “Non vale a escusa de que é necesario reformar o Estatuto de Galicia, porque hai unha sentenza do Tribunal Constitucional na que se recolle que o outorgamento de concesións non é unha competencia que teña que recollerse no Estatuto”, concretou.
NOVO ATAQUE A GALICIA
Respecto do informe negativo de Costas do Estado que pon en cuestión o Plan Especial de Tragove en Cambados, a deputada popular sinalou que “estamos ante un novo ataque á Comunidade galega co que o Goberno de Pedro Sánchez pon en risco tres depuradoras e máis de 300 empregos”.
Egerique explicou que Portos de Galicia e a Xunta “están a traballar coa vontade de dar máxima seguridade xurídica ás instalacións asentadas en terreos portuarios e xa teñen solicitada unha mesa bilateral para reconducir este despropósito do Plan Especial de Cambados”.
En canto á desafección dos terreos por parte de Portos de Galicia, a Xunta está a dar os pasos pertinentes para acelerar o proceso e que eses terreos se revertan a Costas do Estado. “Despois será decisión do Estado aceptar ou non a súa entrega para que pasen a ser de titularidade municipal”, engadiu.