Santiago, 3 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se acorda organizar sendas homenaxes ás vítimas do fascismo franquista en Galicia, contando coa participación das asociacións de memoria histórica e as vítimas; e á figura de Alexandre Bóveda, en recoñecemento á súa esencial participación no impulso e na elaboración do Estatuto de 1936, así como aos valores de compromiso na defensa de Galicia, concordia e perdón expresados por este galego exemplar.
O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos salientou que Alexandre Bóveda “é merecente do recoñecemento unánime do conxunto da sociedade galega, tanto polo seu compromiso na defensa dos intereses de Galicia, que nunca foi incompatible co seu sentimento de pertenza a España, como pola heroica xenerosidade de quen, nas vésperas do seu asasinato, solicitaba dos seus achegados o perdón para os seus verdugos”.
DISCREPANCIAS
Pazos lamentou que, en materia de memoria histórica, “algunhas formacións políticas non toleran a discrepancia e, aínda máis, a fomentan para poder utilizala como un elemento esencial para demonizar aos que non comparten os seus posicionamentos”, ante o que insistiu que o PPdeG está “a favor dunha memoria democrática integradora, respectuosa e que fomente o peche ás feridas do pasado e á creación dunha conciencia democrática para as xeracións futuras”.
Deste xeito, o deputado popular manifestou que o acordo acadado hoxe “supón un recoñecemento explícito do Parlamento galego á vida, obra e valores representados por Bóveda”.
“Un recoñecemento ao seu labor e ao dunha xeración que contribuíu esencialmente a alentar o sentimento de orgullo galego e a materializar un Estatuto de todos e para todos, cuxo referendo permitiu a tramitación pola vía rápida do actual”, indicou.