Santiago, 9 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de Administración Dixital de Galicia, “coa que se compren tres principios básicos: presentar a documentación unha soa vez, con servizos personalizados adecuados ás necesidades das persoas e unha boa xestión dos recursos necesarios”, salientou a portavoz de Novas Tecnoloxías, Sandra Vázquez.
“A prioridade é consolidar unha administración integramente dixital e universalizar o uso e acceso da cidadanía aos servizos dixitais”, indicou.
“Debemos construír unha administración máis dixital, máis eficiente, máis transparente, de maior calidade e poñela en contacto directo e próximo con todos os galegos”, indicou a portavoz popular. Neste sentido, apuntou que este novo texto lexislativo “dota á Xunta dun marco legal estable; establece legalmente os principios reitores das administracións públicas; ofrece maior eficacia, eficiencia e simplificación dos procedementos; e acada un contexto normativo global e coherente”.
VOTO FAVORABLE DOS SINDICATOS
Sandra Vázquez salientou que esta nova lei “conta coa participación dos diferentes departamentos da Administración autonómica e, o que é máis importante, co voto favorable de todas as organizacións sindicais representadas na Comisión de Persoal da Xunta de Galicia”.
Na súa intervención, Vázquez manifestou que “o principio de boa administración debe presidir as actuacións das administracións públicas nas relacións coa cidadanía”. Deste xeito, afirmou que a administración “debe adaptarse de maneira áxil ás novas demandas, proporcionar información e servizos dixitais en calquera momento e en calquera lugar, así como da forma máis conveniente para o cidadán e os empregados públicos, nas condicións adecuadas de confianza e seguridade”.