Santiago, 18 de decembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2019, coa que “conseguimos solucionar moitos problemas que afectan aos galegos, mellorar a súa vida e ofrecerlles un futuro mellor”.
En concreto, a viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, dixo que esta norma “modifica a tributación para que a partir do 1 de xaneiro teñamos menos impostos e máis cartos no peto dos galegos; inclúe melloras no ámbito do benestar social; e favorece unha maior protección do medio ambiente, a través dunha mellor xestión do monte e prevención dos incendios forestais e endurecendo o réxime sancionador ás empresas mineiras que incumpren”.
Paula Prado sinalou que “subir impostos é de esquerdas, pero no Partido Popular cremos que é posible baixar impostos e seguir ofrecendo servizos públicos de calidade”. Deste xeito, a través da nova lei implántanse catro novas rebaixas fiscais; mellóranse as condicións de traballo e de conciliación dos empregados públicos; rebáixase o canon de Sogama nun 10 por cento aos concellos que certifiquen o seu compromiso coa redución de residuos e dean traslado deste descenso aos veciños do municipio; permítese a reconstrución de edificacións afectadas por catástrofes que sexan declaradas de emerxencia; evítanse os riscos derivados do estado de abandono de parcelas forestais; compatibilízase a percepción da Risga a aquelas persoas que estean traballando pero teñan baixos ingresos; facilítase que as iniciativas empresariais prioritarias sexan tramitadas de maneira urxente; e garántese a perfecta conservación e mantemento do Camiño de Santiago.
MEDIDAS NO ÁMBITO FORESTAL
Na súa intervención, Prado explicou que 21 das 58 emendas feitas polo Grupo Popular teñen como obxectivo dar cumprimento ao ditame da Comisión de Estudo sobre a política forestal. En concreto, dixo que se axilizan os procedementos de corta de piñeiros e eucaliptos para evitar as masas mixtas, sen desprotexer o patrimonio; se mellora a xestión dos montes veciñais co fin de protexelos dos riscos do abandono das parcelas colindantes, así como favorecer e apoiar as iniciativas de xestión forestal sostibles; se incorpora a posibilidade de incluír terreos non forestais nas sociedades de fomento forestal para mellorar a viabilidade económica das agrupacións de propietarios; e se facilitan as reconstrucións de edificacións no rural, mesmo cambiando o uso, para fixar poboación e recuperar vellas construcións.
A viceportavoz popular engadiu que no proxecto de Lei tamén se inclúe unha modificación da Lei de caza co fin de incrementar e efectividade no control das poboacións de xabaril, permitindo a súa caza mediante a participación dun mínimo de 8 cazadores por batida.
Así mesmo, outras seis emendas presentadas polo Grupo Popular establecen na lexislación urbanística medidas sancionadoras para tutelar as condicións de ornato que deben reunir as edificacións, construcións e instalacións, contribuíndo deste xeito a manter a estética do patrimonio edificado urbano e rural de Galicia.