Santiago, 20 de marzo de 2018.- O Pleno do Parlamento aprobou hoxe a modificación da Lei de saúde de Galicia, que blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación dos distritos sanitarios e os consolida como servizo sanitario de futuro en cada unha das súas zonas xeográficas. O portavoz de Sanidade, Aurelio Núñez Centeno, asegurou que esta nova lei “achegará o servizo sanitario á cidadanía, que recibirá unha atención máis próxima ao seu domicilio, garantindo a potenciación dos servizos e especialidades a nivel comarcal”.
Aurelio Núñez apuntou que o novo texto lexislativo “mellorará a coordinación entre atención primaria e hospitalaria, cunha cobertura realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, con protocolos únicos de área, e con maior interactuación de profesionais en ambos niveis asistenciais”.
Deste xeito, afirmou que son os grupos de En Marea, PSOE e BNG “os que están a poñer en risco a supervivencia dos hospitais comarcais, diante da dificultade coñecida que existe para cubrir as prazas dos mesmos, e a continua rotación e vacantes de profesionais que se producen”.
VOLUNTARIEDADE DOS PROFESIONAIS
O portavoz de Sanidade asegurou que a nova organización por área sanitaria “respectará en todo momento a voluntariedade dos profesionais, para axudar a acadar a cobertura das prazas de especialistas nos hospitais comarcais, regularizar o desprazamento de profesionais entre os distintos hospitais e facilitar a cobertura das posibles ausencias por permisos ou baixas”.
No eido da participación social, Núñez Centeno explicou que se desenvolve o Consello Galego de Saúde e os consellos de saúde de área e de distrito, ao tempo que se regula a existencia do Consello Asesor de Pacientes. Tamén se considera autoridade sanitaria ao persoal de inspección de servizos sanitarios e de saúde pública.
Aurelio Núñez salientou que a implantación das novas estruturas de xestión integrada no ano 2010 permitiu incrementar o número de consultas totais nos hospitais comarcais máis dun 15 por cento, evitando o desprazamento de máis de 260.000 pacientes aos hospitais das grandes cidades. Neste tempo, investíronse máis de 20 millóns de euros tanto en obras de mellora dos hospitais comarcais como en dotación tecnolóxica, aos que se suman 7,8 millóns previstos nos orzamentos da Xunta para o presente ano 2018.
COHERENCIA
“O sistema das EOXI mellorou a prestación dos hospitais comarcais, polo que o Grupo Popular apoia por coherencia esta lei que consolida ese sistema que foi claramente beneficioso para a cidadanía galega”, asegurou.
Fronte as críticas dos grupos da oposición pola suposta privatización da sanidade galega, Núñez Centeno lembrou que “a porcentaxe de consultas e intervencións derivadas á sanidade privada nos últimos cinco anos foi unicamente do 2,2 por cento, o que quere dicir que o 97,8 por cento das consultas e intervencións foron realizadas na sanidade pública”