Santiago, 11 de abril de 2017.- A Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento aprobou hoxe a iniciativa do PPdeG encamiñada a difundir a vida e obra de Domingo Fontán e conmemorar este ano 2017 o 200 aniversario dos comezos da elaboración da Carta Xeométrica.
A deputada popular Teresa Egerique, encargada da defensa da iniciativa, destacou a importancia de lembrar a figura do ilustrado, xeógrafo e matemático galego , que “lle puxo cara e nome por primeira vez a todos os espazos de Galicia” cunha metodoloxía non aplicada para o resto de España ata o ano 1870 (40 anos máis tarde).
Egerique recordou que o próximo 17 de abril conmemórase o aniversario da data de nacemento de Domingo Fontán – o 17 de abril de 1788- en Porta do Conde (Portas), que en 1817 comezou os seus traballos de medición para realizar o “primeiro mapa realizado en España con métodos científicos e medicións matemáticas “ e que consagrou dezasete anos da súa vida a elaboración do mesmo.
“O seu grande logro foi o de ofrecer, por primeira vez, o rostro de Galicia nunha labor cartográfica que sorprende polo que representa de avanzada e polo logro dunha exactitude entón difícil de lograr, pero que ten para os galegos e galegas cualidades de símbolo, tal e como o expresou Otero Pedrayo” indicou a deputada popular.
Teresa Egerique engadiu que Domingo Fontán foi elixido deputado polo Partido Liberal pola provincia de Pontevedra, destacando o seu carácter moderado e que fixo da súa causa a defensa de Galicia.
A iniciativa parlamentaria foi aprobada por unanimidade e incorporou unha emenda da oposición de xeito que se solicitou á Xunta difundir a vida e obra do ilustre galego “para o que establecerá criterios e obxectivos claros de colaboración tanto coas universidades galegas e outras institucións públicas, como coa Fundación Domingo Fontán e a Asociación Domingo Fontán, ademáis de conmemorar este ano 2017 o 200 aniversario do comezo da elaboración da Carta Xeométrica de Galicia”.