Santiago, 11 de abril de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, na sesión da Comisión 4ª de Educación e Cultura, demandar á Xunta a impulsar e desenvolver iniciativas que contribúan a afondar e espallar o coñecemento da sobra literaria, o pensamento galeguista e a importante labor no eido da normalización lingüística, da modernización da cultura e na dignificación da lingua galega de Carlos Casares Mouriño con ocasión de adicarlle o Día das Letras Galegas neste ano 2017.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado, encargado da defensa da iniciativa, destacou a semblanza do escritor ourensán que fixeron os membros da RAG considerándoo “unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX”, salientando a súa condición de narrador, ensaísta, articulista, editor e dinamizador cultural.
Recordou que unha das súas grandes herdanzas na I Lexislatura do Parlamento de Galicia, na que foi elixido deputado, foi o espírito de consenso que fructificou na Lei de Normalización Lingüística.Carlos Casares, recordou o deputado Carlos Gómez, compaxinou unha extensa creación literaria cunha non menos intensa actividade cultural e institucional, dirixindo Galaxia e a revista Grial, presidindo o PEN Club de Galicia, que axudara a nacer, e tamén no Consello da Cultura Galega, entre outros.
Na iniciativa popular, aprobada por unanimidade e engadindo unha emenda da oposición, tamén se solicita da Xunta contribuír á conservación, divulgación, coñecemento e posta en valor do seu legado material e cívico máis alá do ano 2017, no que se lle dedica o Día das Letras Galegas.