Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, instar ao Goberno galego a completar e publicar durante o presente ano os distintos modelos de pregos de contratos públicos, que deberán incorporar todas as innovacións contidas tanto na normativa galega e nas guías que a desenvolven como as novidades que incorpore a lexislación básica estatal, así como a revisalos e actualizalos, cando sexa procedente, con carácter anual.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou que a posta en marcha dos modelos de pregos de contratación “será un paso máis no proceso de modernización da Administración galega, logo dos avances realizados nestes anos tanto no ámbito da transparencia como na adaptación dos pregos dos contratos á consecución de determinados obxectivos estratéxicos.
“Ter un único modelo de pregos para cada tipo de contrato supón unha enorme vantaxe en termos de axilidade administrativa e de facilidade para a tramitación por parte das pequenas e medianas empresas, fundamentalmente”, asegurou Paula Prado.
REVISIÓNS MÍNIMAS
Neste sentido, apuntou que eses modelos deberán estar visados pola Asesoría Xurídica e a Xunta Consultiva de Contratación para que “en cada futuro expediente só se revisen aqueles extractos do prego que se aparte dese modelo aprobado ou que establezan especificidades distintas”.
Prado avogou porque na elaboración destes modelos de pregos de contratos públicos “se incorporen todas as novidades da lexislación galega, así como todos os cambios que introduza a nova Lei básica estatal”.
“Queremos que nesta lexislatura quede pechado o proceso de modernización da contratación pública iniciado en 2009 e que todas as novidades introducidas ao longo destes anos queden plasmadas nuns modelos de pregos comúns para todo o sector público autonómico e permitan que estas melloras se estendan a todos os contratos que diariamente tramita e aproba a Administración galega”, sinalou.