Santiago, 17 de xaneiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a redactar as normas técnicas de planeamento que complementen ao regulamento da Lei do Solo, recentemente aprobado, como ferramenta ao servizo dos concellos.
O deputado popular Jaime Castiñeira explicou que o obxectivo é “cumprir os principios que se establecen na Lei do Solo de transparencia, publicidade, claridade, simplificación administrativa, seguridade xurídica e aplicabilidade”. “Deste xeito, estaremos axudando na interpretación das normas urbanísticas non só aos técnicos redactores, senón aos propios concellos e a todos os cidadáns”.
UNIFICAR CRITERIOS
Jaime Castiñeira indicou que estas normas de planeamento urbanístico “terán por obxecto unificar os criterios técnicos para a elaboración dos documentos de planeamento urbanístico, a cartografía, a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en materia de planeamento”.
“Estas novas normas serán elaboradas pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, previo sometemento a informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e escoitada a Federación Galega de Municipios e Provincias”, apuntou.