Santiago, 23 de febreiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou esta tarde o novo regulamento de réxime interior do Consello de Contas, “un órgano que depende directamente do Parlamento de Galicia pero que exerce as súas funcións con total independencia e someténdose ao ordenamento xurídico”, explicou a portavoz nesta materia do Grupo Popular, Cristina Romero.
“Respectamos a independencia e autonomía do Consello de Contas e por iso non quixemos facer emendas ao regulamento que enviou ao Parlamento porque podería considerarse como unha inxerencia dun grupo político neste organismo”, sinalou.
EMENDAS QUE CONTRADÍN A PROPIA LEI
Cristina Romero lembrou que a reforma da Lei do Consello de Contas, aprobada na pasada lexislatura, atribuíulle “competencias para previr a corrupción e para mellorar a coordinación co Parlamento e coa Administración galega, así como para fortalecer a súa independencia e capacidade de actuación”.
“A través deste novo regulamento, o Consello de Contas poderá avanzar na constitución e posta en marcha da sección específica de prevención e loita contra a corrupción, unha das principais modificacións incorporadas na reforma da Lei aprobada na pasada lexislatura”, indicou.
Respecto das 52 emendas presentadas pola oposición ao regulamento, a portavoz popular concretou que 23 “contradín directamente o establecido na Lei do Consello de Contas”. Neste sentido, apuntou que “non ten sentido, nin xurídico nin político, pretender modificar desde este regulamento o que está establecido nunha lei aprobada por este Parlamento, porque estamos ante un documento técnico e puramente lexislativo”.