Santiago, 3 de setembro de 2021- A comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento de Galicia aprobou na súa sesión de hoxe por unanimidade de todos os grupos políticos unha iniciativa do Grupo Popular encamiñada a que a Xunta de Galicia se dirixa ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e defenda unha postura de Galicia antes as negociacións da PAC 2023-2027 que manteña como mínimo para os sectores de vacún de leite, de vacún de carne e ovino-caprino unha dotación similar ao período 2014-2020, incluíndo ademais o castaño nas axudas asociadas para froitos de cáscara.
A voceira Elena Candia agradeceu o apoio unánime á liña iniciada e defendida pola Consellería do Medio Rural nas negociacións sobre a PAC na defensa dos intereses de Galicia, que van da mán da Cornisa Cantábrica, “o que máis aplauden os galegos e galegas é que sexamos capaces de destacar os puntos de acordo e que os políticos sexamos parte da solución e esperemos que as negociacións sexan o mellor posible para os nosos gandeiros”.
Na iniciativa popular, defendida pola voceira Elena Candia, inclúe que a contía da axuda básica por hectárea nas diferentes “rexións PAC” teña en conta as diferentes realidades existentes, no plan agronómico e socioeconómico, en especial o emprego agrario xerado por unidade de superficie.
No relativo ao debate sobre a superficie con dereito a cobro das axudas, segundo indica a iniciativa popular aprobada, non é admisible a apertura a novos cultivos, viñedo, froitas e hortalizas, localizados maioritariamente no sueste español, sen antes regularizar o déficit de superficie admisible con dereitos que ten Galicia respecto da media nacional.
Así mesmo, na iniciativa popular proponse que o “agricultor xenuíno” en canto a destinatario das axudas, debe basearse nunha porcentaxe mínima dos ingresos totais, como mínimo o 25%, sexan procedentes da actividade agraria, admitindo tamén o que se atope dado de alta na seguridade social como traballador por conta propia no réxime agrario.
A voceira popular fixo referencia na súa intervención a necesidade de que o MAPA traslade á Xunta de Galicia todos os datos necesarios para poder determinar a afectación aos agricultores e gandeiros galegos do modelo que se propón e, en especial, “que nos faga coñecedores de todos os datos da súa proposta sobre a delimitación, as superficies e os importes da axuda básica nas novas rexións PAC, en particular daquelas nas que estarían as explotacións galegas.
A voceira popular indicou que no referido á superficie con dereito a cobro da axuda básica á renda dos agricultores, Galicia parte dunha superficie con dereitos de pago moi inferior á media española e “demandamos que se corrixa este desequilibrio antes de ampliar esta superficie, como propón o MAPA, a novos cultivos de viñedos, froitos e hortalizas, localizados fundamentalmente no sueste español e demandamos así mesmo que se facilite a entrada de superficies e sistemas produtivos de pastoreo”.
Na iniciativa popular tamén se demanda unha aplicación intensa do pago redistributivo en canto á porcentaxe de fondos que deberá aplicarse considerando a superficie media por explotación a nivel nacional e non dentro de cada “rexión PAC” e deberá haber un maior pago das primeiras hectáreas co obxecto de beneficiar as pequenas e medianas explotacións, en especial aquelas de agricultores e gandeiros cunha dependencia significativa dos ingresos agrarios, dando prioridade sobre todo aos de carácter profesional.
En canto ao límite das axudas por explotación (capping) e a degresividade, a iniciativa do PPdeG defende a súa aplicación nas máximas porcentaxes de redución das axudas aos maiores perceptores que permita o regulamento europeo e para a aplicación non deben deducirse os custos laborais, coa única excepción das explotacións asociativas nin tampouco os pagos a empresas externas.
Na iniciativa popular tamén se defende a introdución de novos ecoesquemas e a modificación dos propostos polo MAPA, para que respondan á realidade da agricultura e gandería galegas, de xeito particular os que favorezan a extensificación da gandería e a recuperación dos sistemas agroforestais. Nestes ecoesquemas deben aplicar un complemento vinculado á prevención de incendios, estender o complemento previsto apra as superficies en Rede Natura ás zonas con limitacións naturais e introducir en todos eles unha modulación da axuda por estratos de tamaño.