Santiago, 8 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a promover a elaboración dun informe anual por parte do Consello Galego de Pesca no que plasmar as inquedanzas e problemas do sector pesqueiro galego, así como tamén os obxectivos e liñas de actuación a curto, medio e longo prazo, co fin de mellorar a súa competitividade e sostibilidade.
Así mesmo, e logo dunha transacción do Grupo Socialista, incorporouse que este informe propoña as reformas que considere precisas na regulamentación pesqueira, marisqueira e acuícola co fin de mellorar a competitividade e a sostibilidade do sector, ao tempo que será remitido ao Parlamento de Galicia para a celebración dunha sesión informativa na Comisión de Pesca.
IMPORTANCIA DO CONSELLO GALEGO DE PESCA
O portavoz do Mar, Carlos López Crespo, subliñou a importancia do Consello Galego de Pesca, “onde se atopa representado todo o sector para velar polos seus intereses e canalizalos do mellor xeito posible”. Neste sentido, apuntou que “a súa principal función é colaborar coa Consellería na elaboración da planificación pesqueira, marisqueira e acuícola e na programación de estudos sobre as distintas actividades que poidan favorecer o desenvolvemento do sector pesqueiro galego”.
“No PPdeG somos especialmente defensores deste órgano, e por iso fixemos todo o posible para que tomase forma”, asegurou o portavoz popular. Neste sentido, contrastou as 8 xuntanzas que celebrou ao longo de toda a lexislatura do Goberno bipartito fronte ás cinco reunións do Pleno que celebrou só durante o pasado 2016, ademais de organizar seis grupos de traballo que elaboraron outros tantos ditames.
“O PPdeG consegue que se reúna todo o sector con frecuencia e sempre pensamos en traballar con eles da man, porque consideramos que é moi importante que isto ocorra así”, engadiu o portavoz popular.