Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se solicita á Unión Europea que se simplifiquen as esixencias respecto dos botiquíns á flota de baixura, de xeito que se adecúen ás circunstancias de proximidade, inmediata asistencia médica e limitación de espazo a bordo das embarcacións.
O portavoz do Mar, Carlos López Crespo, lembrou que a esixencia de levar un botiquín do tipo C para embarcacións aparece recollido nunha directiva comunitaria. “Porén, esta obriga atópase neste momento nun período de revisión, polo que consideramos importante canalizar axeitadamente este malestar que provoca na flota de baixura, que faena moi preto da costa e se compón de preto de 3.800 unidades”, engadiu.
SUAVIZAR A NORMATIVA
En concreto, a normativa en vigor obriga a levar un botiquín de medicamentos bastante custoso e complicado de utilizar, debido a que as embarcacións son pequenas e non teñen ponte, polo que cómpre suavizar esta normativa por parte da Unión Europea.
“É necesario traballar co resto de administración implicadas na busca dunha normativa de seguridade a bordo que sexa máis favorable ao noso sector de pesca a pequena escala, con especial incidencia na obtención dunha obriga axeitada de porte de botiquíns, afondando nesta petición de mellora da transposición da directiva comunitaria destinada a promover unha mellor asistencia médica a bordo dos buques”, indicou.