15 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia ven de aprobar, a iniciativa do Grupo Popular, a solicitude ao Goberno de España para que cese o agravio comparativo para Galicia que se produce nos proxectos de enerxías renovables que se están a tramitar na actualidade. Isto se produce pola superposición dos prazos fixados, por unha banda, polo Real Decreto-lei 23/2020, que estipula que sexan de 34 e 37 meses para a autorización administrativa previa e a de construción respectivamente, e os prazos establecidos pola Xunta a través das medidas de simplificación e axilización administrativa que provoca que estas dúas autorizacións se tramiten conxuntamente e teñan un prazo máximo de 34 meses.
Esta situación tería graves consecuencias no proceso de transición enerxética cara a neutralidade climática, e no desenvolvemento de varios proxectos industriais vinculados a algúns destes proxectos de renovables que se están a promover na nosa Comunidade Autónoma, ben sexan de industrias xa implantadas como Alcoa ou Showa Denko, ou ben sexan novas iniciativas industriais como as de Sentury Tire ou Maersk, indicou a voceira de Industria, Marta Nóvoa.
“Non estamos solicitando ampliar o prazo de 3 meses, o único que queremos é que unha medida de axilización administrativa en favor do desenrolo das renovables, sempre por suposto mantendo as garantías ambientais, non se volva en contra esixindo un esforzo adicional na tramitación en relación con outras comunidades autónomas” defendeu a deputada popular.
FALTA DE DIÁLOGO E COORDINACIÓN DO GOBERNO CENTRAL
Marta Nóvoa sinalou que esta situación se produce “unha vez máis, pola falta de diálogo e coordinación por parte do Goberno, que non contemplou esta posibilidade cando redactou a norma estatal do ano 2020 e que mantén a súa negativa a rectificar esta decisión a pesar das peticións formuladas desde as administracións autonómicas que se anticiparon”.
Así mesmo, recordou que o Goberno central avalou as medidas de simplificación e axilización administrativa establecidas pola Xunta de Galicia para facilitar unha tramitación con garantías para todos os proxectos renovables “xa que unificou as dúas autorizacións para os proxectos futuros , e o estableceu no RDLei 6/2022 e RDLei 20/2022, pero os actuais proxectos “siguen coa tramitación separada das dúas autorizacións, a pesar de que vai claramente en contra do principio de eficiencia administrativa, que defenden así mesmo as directivas europeas”.