Santiago, 24 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno central que mellore e clarifique a regulación da publicidade sanitaria no relativo a centros, establecementos, bens e servizos, para evitar anuncios enganosos e limitar especialmente todo aquilo que poda constituír un risco para a saúde, contando para elo cos colexios profesionais.
A deputada Encarna Amigo afirmou que “temos leis e decretos sobre publicidade e promoción comercial de produtos, actividades e servizos con pretendida finalización sanitaria, pero pensamos que pola transformación e promoción publicitaria das últimas décadas a regulación específica relativa á publicidade de centros, establecementos e servizos sanitarios precisa desenvolverse”.
“Analizando ao usuario dun servizo sanitario en sentido amplo, non debemos esquecer que os poderes públicos deben despregar unha actividade protectora dos dereitos dos consumidores e usuarios, prioritariamente no ámbito dos bens e servizos de uso ou consumo común”, manifestou.
ATENCIÓN ESPECIAL
Neste sentido, indicou que “a publicidade no ámbito sanitario esixe, por estar en xogo non só intereses económicos dos consumidores, senón tamén o seu dereito á saúde, unha atención especial por parte dos poderes públicos”. “Se o principio de veracidade constitúe unha das bases do dereito á publicidade, cando se refire a produtos ou servizos médicos esta esixencia debe ser levada ao seu extremo”, apuntou.
“Nunha sociedade que busca con avidez novas médidas que anuncien fórmulas cuasi-máxicas na prevención, curación e predición de enfermidades, e ten tendencia a crer cegamente nelas, a protección dos poderes públicos debe acentuarse desde a fase publicitaria”, sinalou a deputada popular. Deste xeito, indicou que “debemos amparar ao consumidor ou usuario con normas que persigan a publicidade enganosa, que se manifesta neste ámbito como un dos principais riscos para a saúde dos cidadáns”.