O PARLAMENTO APROBA INSTAR Á XUNTA A SEGUIR TRABALLANDO NO PLAN DE ACOLLIDA DE REFUXIADOS E FAVORECER A SÚA INTEGRACIÓN
· A iniciativa incorpora a solicitude para que no ámbito comunitario se defenda políticas construtivas e coordinadas fronte ás ameazas dos controis fronteirizos que se cernen sobre o espazo Schengen
· Tamén rexeita calquera acordo que contemple expulsións colectivas de refuxiados, así como a necesidade da adopción dun acordo respectuoso coa legalidade internacional e os Dereitos Humanos
Santiago, 30 de marzo de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a seguir traballando na coordinación dentro do Plan de Acollida de todos os recursos dispoñibles tanto das administracións coma das ONGs e das familias galegas, co obxectivo de favorecer a efectiva integración das persoas solicitantes de protección internacional.
Así mesmo, a iniciativa incorpora a solicitude para que no ámbito comunitario se defenda políticas construtivas e coordinadas fronte ás ameazas dos controis fronteirizos que se cernen sobre o espazo Schengen. Neste sentido, considérase que a introdución permanente de controis fronteirizos non pode ser a resposta as arelas dos cidadáns da Unión Europea de maior seguridade e protección do seu nivel de vida.
NON Á EXPULSIÓN COLECTIVAS
A proposición non de lei tamén rexeita calquera acordo que contemple expulsións colectivas de refuxiados, así como a necesidade da adopción dun acordo respectuoso coa legalidade internacional e os Dereitos Humanos, e especificamente que calquera expulsión só será posible adoptala tras a conclusión dun expediente de asilo individualizado con todas as garantías.
O portavoz de Relacións Exteriores do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou que o plan de acollida de refuxiados posto en marcha pola Xunta “non contempla só a solución habitacional nin sequera só o acollemento destas persoas, senón tamén a súa integración na sociedade dándolles a acollida pero tamén a escolarización e atención sanitaria; atendendo especialmente aos menores que non están acompañados; e, en definitiva, garantizando a adecuada integración e permitindo o acceso ós refuxiados a tódolos servizos de todas as administracións dirixidos á poboación xeral”.
Trenor lembrou que o actual Goberno galego “anticipouse con este plan propio de acollida ás peticións do Goberno central, poñéndose de inmediato á súa disposición para ofrecer en Galicia unha acollida digna e solidaria destas persoas”. Así, a Xunta asumiu a coordinación de todos os recursos materiais e humanos, tanto da administración autonómica como dos concellos ou ONGs.
“Os galegos estamos preparados para traballar cando cheguen os refuxiados”, asegurou o portavoz popular, quen engadiu que “non se trata de facilitar recursos ociosos, senón que respectar os seus dereitos”.