Santiago, 28 de febreiro de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe que o Parlamento galego aprobara, en base a unha emenda do PPdeG, un conxunto de medidas dirixidas á mellora da Administración de Xustiza para as mulleres vítimas de violencia de xénero.
Logo de transaccións realizadas cos grupos do PSdeG e de En Marea, a Comisión 1ª do Parlamento aprobou solicitar ao Goberno central que se incremente o número de xulgados necesarios en materia de violencia de xénero de xeito consensuado na Comisión Mixta co Tribunal Superior de Xustiza.
PARTIDA ORZAMENTARIA
Tamén se pide ao Goberno central que dote dunha partida orzamentaria específica para a substitución de xuízas e xuíces aos xulgados de violencia contra a muller, garantindo sempre a existencia de xuíza ou xuíz e atendendo de forma ordinaria o xulgado, sen que se produzan suspensións das actuacións por ausencia da persoa titular do mesmo. Neste ámbito, tamén se demanda que se dote de medios axeitados, tanto económicos como humanos, a todos os xulgados específicos de violencia de xénero e todos aqueles que ademais se ocupen deste ámbito, para garantir os dereitos das vítimas, dentro do marco contra a violencia machista e a vontade férrea de todas as institucións de loitar contra esta lacra da sociedade.
Respecto do Goberno galego, a proposición non de lei demanda unha solución provisional para o tempo entre o final do convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a implantación dun procedemento de contratación directa dos profesionais das oficinas de atención psicolóxica a vítimas de violencia machista; así como a posta en marcha do acompañamento xudicial personalizado para facer accesible a información ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
EVITAR CRUCE ENTRE VÍTIMAS E AGRESORES
Outra das solicitudes presentes nesta proposición non de lei é que se proceda á revisión de todas as dependencias xudiciais, de maneira que se efectúe as reformas necesarias, de acordo coas autoridades xudiciais, habilitando espazos posibles para evitar o cruce entre vítimas e agresores.
Ademais, pídese que, de maneira inmediata, se dote do persoal necesario a estes xulgados, segundo as súas cargas de traballo, ao tempo que se incrementa a formación específica e periódica en violencia de xénero a todos os sectores da xustiza competencia da Administración autonómica.