Santiago, 14 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición no de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia a iniciar os traballos de estudo e documentación para a ampliación da Rede Natura 2000.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, explicou que na actualidade a Rede Natura 2000 está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abranguen 101.134,9 hectáreas, especialmente nos ecosistemas costeiros, áreas de montaña e zonas húmidas do interior; e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que suman unha superficie total de 374.434,8 hectáreas
PRETO DO 12 POR CENTO DA SUPERFICIE GALEGA
“Aínda que en conxunto a superficie galega incluída na Rede Natura supón preto do 12 por cento do territorio da Comunidade autónoma, compre avanzar na ampliación dos espazos protexidos para preservar e mellorar o estado de conservación dos hábitats e especies de interese comunitario”, sinalou o portavoz popular.
A Rede Natura 2000 está considerada como o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea. Trátase dunha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade que consta de zonas especiais de conservación (ZEC), establecidas de acordo coa Directiva Hábitat, e de zonas de especial protección para as Aves (ZEPA), designadas en virtude da Directiva Aves.
A finalidade da Rede Natura 2000 é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e dos tipos de hábitat en Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade.