O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PPdeG para impulsar o Ano Oteriano 2026, coincidindo co cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo e co centenario da publicación da súa Guía de Galicia.
O deputado e portavoz de Lingua do PPdeG, José Luis Ferro, destacou que esta iniciativa “máis alá do seu contido concreto, representa un acto de coherencia institucional, de respecto á nosa historia e de compromiso coa cultura galega. Non pertence só a un grupo parlamentario: interpela ao conxunto da Cámara e, diría máis, á sociedade galega”.
Ferro subliñou que Ramón Otero Pedrayo foi “un intelectual total, profesor, ensaísta, novelista, xeógrafo e galeguista comprometido coa súa terra desde a cultura e o coñecemento. Non é unha figura de parte: é un referente común que une xeracións, sensibilidades políticas e toda Galicia”.
A PNL insta á Xunta de Galicia a elaborar unha programación especial para o Ano Oteriano, con actividades culturais, educativas e divulgativas, de xeito que o legado de Otero Pedrayo chegue ás novas xeracións, se promova nos centros educativos e universitarios e se difunda a súa obra literaria, científica e ensaística.
“O Ano Oteriano 2026 non é do Goberno, nin dun grupo político, nin dunha consellería concreta. É de Galicia”, afirmou Ferro, engadindo que unha programación ben deseñada fortalecerá a cultura galega, enriquecerá o sistema educativo, impulsará a investigación e proxectará unha Galicia orgullosa do seu legado e aberta ao mundo.
O portavoz popular destacou tamén que esta PNL é “respetuosa coa pluralidade, coherente co acordo unánime deste Parlamento, ambiciosa no cultural e profundamente galega no mellor sentido da palabra. Porque hai figuras que non dividen: unen”.