Santiago, 13 de outubro de 2022- O Parlamento de Galicia aprobou, na sesión da Comisión 5ª de hoxe, unha iniciativa parlamentaria encamiñada a que a Xunta continúe impulsando os distintos programas de apoio ao acollemento familiar e ampliar o investimento destinado a este ámbito. “O Grupo Popular presenta esta iniciativa que pretende impulsar o acollemento familiar por considerar que é a mellor fórmula para protexer o interese superior de nenos, nenas e adolescentes en situación de desamparo” indicou o viceportavoz popular Alberto Pazos, encargado de defender a iniciativa.
A iniciativa aprobada por unanimidade inclúe, a través dunha transacción, implementar o acordo acadado no seo da Conferencia sectorial extraordinaria conxunta de Igualdade, Infancia e Adolescencia, garantindo que nos prazos establecidos ningunha nena ou neno estará nun centro de acollemento senón que aqueles que precisen ser acollidos o farán nun modelo familiar.
O deputado popular sinalou que, en ocasións, as familias atravesan dificultades graves que impiden unha atención normalizada das necesidades dos menores no seu núcleo familiar e, neste contexto, “toma especial importancia a figura do acollemento familiar: un recurso proporcionado por familias que, con gran xenerosidade, acceden a acoller temporalmente no seu fogar aos menores”.
A importancia desta labor a amosa a Xunta de Galicia con distintos programas aos que lle adica arredor de 4,5M€, á compensación económica ás familias acolledoras, o programa da Cruz vermella, a programación de familias acolledoras de Aldeas Infantiles ou o convenio coa Asociación de Familias Acolledoras de Galicia.
Neste sentido, destacou os compromisos adquiridos, recentemente, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante o IX encontro estatal de familias de acollida, anunciando a elaboración do primeiro plan de impulso ao acollemento familiar e un incremento do 20% das axudas para a manutención do menor.
COMPROMISO COAS FAMILIAS GALEGAS
“O compromiso coas familias galegas, de calquera tipo e condición, concretouse ao longo destes 5 meses en distintas medidas de apoio que foron adoptadas para proporcionar seguridade aos fogares galegos nun contexto económico especialmente complicado” indicou o viceportavoz popular.
A universalización da gratuidade das garderías, ampliación do calendario vacinal (o máis completo de España), a equiparación fiscal das familias con 2 fillos coas numerosas, a ampliación das axudas ao material escolar e o bono térmico, a Tarxeta Benvida, a conxelación das taxas universitarias ou gratuidade do transporte interurbano a menores de 21 anos foron nomeados por Alberto Pazos como claros exemplos “dese apoio e prioridade que, para a Xunta, ten as familias galegas”.