O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, anunciou hoxe a creación, a proposta dos catro grupos parlamentarios existentes no Parlamento galego, dunha Comisión non permanente especial de estudo sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia. “Debemos estar dispostos a estudar calquera nova evidencia científica que sirva de apoio e de axuda nesta cuestión; a realizar unha análise pausada e reflexiva sobre a posible modificación e o que isto conlevaría; e, sobre todo, que exista un amplo consenso social, xa que estamos a falar dun símbolo que é patrimonio de todos os galegos e que nos representa por todo o mundo”, manifestou.
Alberto Pazos considerou “importante” que a constitución desta Comisión estea avaliada por todos os grupos parlamentarios, “xa que estamos a falar da modificación dun dos nosos símbolos representativos de Galicia”. Neste sentido, incidiu que “estamos abertos a estudar a posibilidade de modificar a letra do noso himno, pero sempre que sexa desde a unanimidade deste Parlamento galego, sen enfrontamentos, e contando, por suposto, coas aportacións de documentación e comparecencias de todas aquelas institucións e expertos que sexan de interese e teñan algo que dicir sobre esta cuestión”.
O portavoz popular explicou que, a partir do rexistro desta solicitude de creación da Comisión de estudo sobre a posible modificación da letra do himno de Galicia, abrirase un prazo para a propia constitución da Comisión, que Alberto Pazos afirmou que será no menor espazo de tempo posible e incluso antes de que remate o actual período de sesións. A continuación, procederase á aprobación das súas normas de funcionamento e do correspondente plan de traballo.