O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda a difusión a través de campañas informativas da fórmula do cooperativismo como unha forma de autoemprego, divulgando especialmente entre os máis novos as vantaxes deste tipo de emprendemento.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “o cooperativismo, como modelo de emprendemento social e económico, é unha prioridade para Galicia, para o Goberno galego e para o Partido Popular”. Neste sentido, considerou “necesaria unha estratexia institucional, que, se non vai acompañada dunha boa difusión, queda nun documento para despachos, lonxe da cidadanía ou das persoas con inquedanzas que buscan un futuro distinto”.
PREPARAR O TERREO
“Para que unha lei sexa eficaz, hai que preparar o terreo, porque hai moita xente que aínda non coñece o cooperativismo como opción real e tamén hai mozos que nestes momentos están a buscar modelos distintos de traballo que poden atopar aquí un camiño de futuro”, sinalou.
Noelia Pérez destacou que “as axudas e o apoio do Goberno galego foron fundamentais para acadar que o 7 por cento do PIB galego estea ligado á economía social ou que na actualidade existen máis de 2.000 cooperativas nesta comunidade”. En concreto, referiuse a programas como Aprol Economía Social, o Bono Consolida, o ES Transforma ou a Rede Eusumo, “a través das que moitas persoas atoparon no cooperativismo unha saída laboral estable e digna, sobre todo en sectores clave como os coidados, a educación e o agroalimentario”.
De cara ao futuro, manifestou que “cando falamos de seguir establecendo medidas nos estamos a referir á simplificación de trámites, ao asesoramento técnico especializado, á constitución de subvencións específicas ou ao acompañamento nos primeiros anos de actividade con formación e mentorización”.