O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Mesa do Congreso para que poña fin á actitude obstrucionista e permita avanzar na tramitación final ante o Pleno da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 á Comunidade galega, aprobada por unanimidade no Parlamento galego. “Non lles pode saír tan barata a súa hipocrisía, porque hoxe volveron levantar aquí a man a favor da transferencia desta autoestrada, cando esta mesma mañá baixaron os pantalóns en Madrid coa aprobación da 48 prórroga á tramitación da proposición de lei”, afirmou o portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, dirixíndose aos deputados do BNG e do PSdeG.
“Os galegos non queremos celebrar o vindeiro mes as 50 prórrogas de Pedro Sánchez e o BNG ao debate no Congreso da transferencia da AP-9 a Galicia, non queremos celebrar as 50 labazadas ao acordo unánime deste Parlamento”, incidiu Roberto Rodríguez, quen asegurou que “os galegos queremos que se cumpra coa palabra dada, máis aínda cando non é que a Galicia se lle estea a negar a transferencia, é que a Galicia se lle está a negar mesmo o debate”.
FALTA DE RESPECTO
Neste sentido, o portavoz popular considerou “unha total e absoluta falta de respecto a un acordo unánime da primeira institución de Galicia” e cualificou de “inxustificable este bloqueo da proposición de lei, que só pode entenderse desde a ansia do goberno de socialistas e nacionalistas en Madrid non xa de discriminar a esta comunidade, senón de humillar ao pobo de Galicia que é ao que representa este Parlamento”.
Roberto Rodríguez explicou que “non hai que condicionar a transferencia da AP-9 ao seu rescate, nin este é inviable, porque o custo das bonificacións actuais supoñen ata o final da concesión preto de 1.900 millóns de euros, unha cifra que se asemella xa ao custo da indemnización por rescate”.
“Teñen a obriga de poñer fin a esta dobre humillación: á súa propia, por tragar con prórroga tras prórroga, traizoando a promesa feita aos galegos; pero, sobre todo, para por fin á que o Goberno de Pedro Sánchez lle está a infrinxir, coa súa complicidade, a Galicia”, afirmou o portavoz popular.