O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Concello de Vigo que faga autocrítica e asuma as súas responsabilidades na xestión das praias, desenvolvendo cantas accións sexan precisas para acadar os estándares de calidade nas augas que permitan mellorar a calidade dos areais vigueses, abandonando a confrontación e apostando polo diálogo e a cooperación institucional.
O deputado popular Miguel Fidalgo lamentou que “a perda da bandeira azul na praia de Samil non é un feito illado, senón a consecuencia directa dunha política ambiental fracasada, dunha falta de responsabilidade institucional e dunha xestión baseada no bulo, a desinformación e a propaganda, en lugar de nos feitos”. Neste sentido, deixou claro que “a responsabilidade da perda da bandeira azul na praia de Samil é de maneira exclusiva do goberno municipal de Vigo, encabezado polo señor Abel Caballero”.
DURO GOLPE Á IMAXE DA CIDADE
“Perder ese distintivo de calidade foi un duro golpe para a imaxe da cidade de Vigo”, afirmou o deputado popular, quen asegurou que “estamos ante unha consecuencia lóxica dunha mala xestión municipal”. Neste sentido, explicou que a bandeira azul se outorga polo cumprimento estrito de estándares ambientais, de calidade da auga, de seguridade e de servizos, “algo responsabilidade exclusiva do Concello que non o fixo por deixadez, por desinterese e por inacción”.
Miguel Fidalgo criticou que, “en lugar de asumir os seus erros, o Goberno municipal de Vigo sempre busca un culpable, e neste caso é a Xunta, a mesma Xunta que fixo un dos maiores investimentos da súa historia nunha obra hidráulica coa construción da EDAR do Lagares, que xestiona o Concello”.
“O obxectivo desta obra foi dotar a Vigo dunha depuradora con capacidade suficiente para tratar todas as augas residuais da cidade, pero, para que este sistema funcione correctamente, a auga residual debe chegar á depuradora, ser tratada axeitadamente e, a continuación, ser vertida á ría a través dun emisario submarino, nun punto seleccionado de xeito estratéxico para que non afecte nin ás actividades económicas da zona nin á praia”, indicou.
MELLORAS NA REDE DE SANEAMENTO
Porén, o deputado popular afirmou que “o problema de Samil ocorre, principalmente, cando as augas residuais non chegan á depuradora debido aos alivios na rede municipal de saneamento”, polo que sinalou que “de pouco vale todo o esforzo inversor da Xunta se o Concello non inviste o suficiente na súa rede de saneamento e na súa xestión para asegurar que todas as augas residuais e contaminantes sexa conducidas cara á EDAR”.
Para rematar, Miguel Fidalgo criticou que o alcalde de Vigo e desde o Concello “puxeran en dúbida o traballo técnico e rigoroso dos funcionarios da Xunta, insinuando que os resultados serían diferentes se as análises as fixese o propio Concello”. “Lamentablemente, as faltas de respecto e os ataques aos funcionarios na esquerda de Galicia non son nada novo”, dixo.