O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do PSdeG, a través da que se demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación medidas dirixidas a mellorar o sector apícola ante a insostible situación pola que está a atravesar pola competencia desleal existente e a alta mortalidade das abellas.
O portavoz popular do Medio Rural, Miguel Viso, subliñou que o sector apícola “desempeña un papel crucial na nosa sociedade, porque non só garante a produción de mel e outros produtos derivados, senón que é fundamental para a biodiversidade e a seguridade alimentaria”.
Porén, lamentou que nos dous últimos anos a produción de mel en España caeu ata as 27.000 toneladas, o que supón un descenso do 21 por cento con respecto ao ano 2021. Entre os motivos causantes desta situación, Miguel Viso referiuse ás crecentes importacións de mel, cun crecemento do 19 por cento no último ano, e a conseguinte baixada do prezo do produto; e a alta mortalidade das abellas, provocada por enfermidades como a varroa, o impacto das alteracións climáticas ou a proliferación de especies invasoras, como a vespa velutina.
COMPROMISO DA XUNTA
“Galicia non é allea a esta crise”, sinalou o deputado popular, polo que considerou necesario reforzar os controis nas importacións de mel, asegurando que compren cos mesmos estándares de calidade e seguridade que se esixen aos produtores galegos; garantir unha rastrexabilidade efectiva en todo o proceso de comercialización, impedindo a venta de mel importada como se fose produción nacional; o cumprimento estrito da Lei da cadea alimentaria, para evitar abusos na formación de prezos e garantir que os apicultores reciban un prezo xusto polo seu traballo; e a promoción institucional dos produtos apícolas galegos, a través de campañas específicas.
Miguel Viso salientou que “a Xunta xa demostrou o seu compromiso coa apicultura, habilitando 1,4 millóns de euros en axudas este ano para modernizar o sector, combater enfermidades e loitar contra especies invasoras”, pero manifestou que “esta crise require unha resposta a nivel estatal, polo que é necesario que o Ministerio de Agricultura adopte medidas urxentes que garantan o futuro da apicultura”.